Un edificio do centro histórico será rehabilitado para vivendas turísticas

Pontevedra
02 de novembro 2020

Dúas plantas para vivendas turísticas e un baixo que estará dividido entre zona de recepción e un local comercial. Son as características do proxecto que servirá para rehabilitar un edificio situado na rúa Enfesta de San Telmo, en pleno centro histórico de Pontevedra

Edificio da rúa Enfesta de San Telmo que acollerá vivendas turísticas
Edificio da rúa Enfesta de San Telmo que acollerá vivendas turísticas / PontevedraViva

Dúas plantas para vivendas turísticas e un baixo que estará dividido entre zona de recepción e un local comercial. Son as características do proxecto que servirá para rehabilitar un edificio situado na rúa Enfesta de San Telmo, en pleno centro histórico de Pontevedra.

No inmoble, coñecido por acoller no seu día o Pub Domus, investiranse uns 342.000 euros, segundo consta na documentación desta rehabilitación, que acaba de recibir licenza por parte dos servizos urbanísticos do  Concello de Pontevedra.

"Agardamos que a situación actual non afecte a este proxecto", explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que celebra que esta actuación permita recuperar outro edificio do centro histórico que, actualmente, estaba sen uso algún.

En concreto, os promotores do proxecto deseñaron unha recepción na planta baixa e un local comercial, para o que aínda non teñen uso previsto, duns 145,82 metros cadrados.

As outras dúas plantas do edificio serán integramente para vivendas turísticas.

O número de apartamentos que se habilitarán neste espazo non está confirmado, pero en todo caso serán varios por cada unha das plantas, que teñen unha superficie útil de 196 e 151 metros cadrados respectivamente.