Pablo Fernández, concelleiro do Partido Popular dende o ano 2011, non formará parte da lista electoral que ultima Jacobo Moreira para as próximas eleccións municipais. Así o confirmou o propio interesado, nunha rolda de prensa celebrada este martes no Concello de Pontevedra.
Trátase dunha decisión "consensuada e acordada con Jacobo", afirmou un emocionado Pablo Fernández, que non puido reprimir as bágoas ao anunciar a súa saída da Corporación.
Durante esta comparecencia, o concelleiro popular quixo agradecer expresamente a "confianza" que depositou nel Telmo Martín, que "me levou na lista en 2011" no posto número 11, un agradecemento que fixo extensible aos seus compañeiros no partido, familiares, amigos e aos veciños de Pontevedra "que me deron a súa confianza".
Pero Fernández tivo un recordo especial para os "tres amigos para a toda a vida" que se leva desta experiencia política: Ricardo Aguilar, Marta Pérez e José Manuel Guillán.
Este último recordo deixa entrever outros motivos para esta renuncia. Fontes populares apelan á "perda de confianza" mutua entre Pablo Fernández e Jacobo Moreira dende que o primeiro, a finais de 2012, se posicionara inicialmente co sector crítico do PP que cuestionaba abertamente o labor do seu xefe de filas.
O conflito selouse coa saída de catro concelleiros, o propio Guillán, María Biempica, Begoña Laya e Celia Soto. Pablo Fernández, xunto con Ricardo Aguilar, deu marcha atrás na súa formulación inicial e aceptou seguir no grupo municipal do Partido Popular. Dende entón, din estas mesmas fontes, as relacións con Moreira "xa non foron as mesmas".