Un erro no reconto rebaixa a nove os falecidos "oficiais" do Villa de Pitanxo

Marín
16 de febreiro 2022

Salvamento Marítimo avanza que ao parecer, por erro, incluíuse dúas veces a un mesmo falecido na lista oficial de vítimas mortais e que, en realidade, ata o de agora só se recuperaron os corpos sen vida de nove tripulantes do barco de Marín

Medios que traballan na procura dos desaparecidos en Terranova
Medios que traballan na procura dos desaparecidos en Terranova / Centro de coordinación de rescates de Halifax (Canadá)

As autoridades corrixiron o número de falecidos que, de maneira oficial, provocou o naufraxio do Villa de Pitanxo. Aínda que o centro de coordinación de rescates de Canadá confirmara dez mortos, agora esa cifra rebaixouse a nove.

Salvamento Marítimo avanza que ao parecer, por erro, incluíuse dúas veces a un mesmo falecido na lista oficial de vítimas mortais e que, en realidade, ata o de agora só se recuperaron os corpos sen vida de nove tripulantes do barco de Marín.

Así o sinalou o seu director, José Luis García Elena, en declaracións a RTVE. A recuperación dos corpos, explicou, realizouse por parte de dous buques diferentes "y un fallecido se pudo contabilizar dos veces".

Iso significa que nestes momentos son doce os mariñeiros que seguen desaparecidos. Todos eles son o obxecto dunha intensa procura que, a pesar das adversas condicións meteorolóxicas, mantense en augas de  Terranova.

Desta catástrofe marítima puideron ser rescatados tres dos integrantes da tripulación do arrastreiro, segundo confirman as autoridades de Canadá e España.

As tres persoas que lograron sobrevivir a esta traxedia son o patrón, Juan Padín; o seu sobriño, Eduardo Rial, e Samuel Kwesi, un mariñeiro de 30 años natural de Ghana e residente en Marín.