Un espectador do concerto de Baiuca, denunciado por non levar máscara e encararse cos axentes da Policía Local

Pontevedra
14 de agosto 2020

Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade Cidadá, garante que vai continuarse coa programación das Festas como ata agora e co protocolo de seguridade activo. Recoñece que no concerto de Baiuca foi necesaria a intervención policial debido ás aglomeracións de espectadores nas marxes do espazo limitado para a asistencia de público

A concelleira Eva Vilaverde, responsable de Protección e Seguridade Cidadá
A concelleira Eva Vilaverde, responsable de Protección e Seguridade Cidadá / Concello de Pontevedra - Arquivo

Un espectador que asistía ao concerto de Baiuca foi identificado e denunciado para a súa sanción ao non levar posta unha máscara e encararse con axentes da Policía Local, cando durante o último tema do concerto da agrupación na praza de España decidiuse desaloxar o recinto ante a aglomeración de numerosas persoas

Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade Cidadá, indicou que se aplicou o protocolo de seguridade "sen maior relevancia". Segundo explica, o persoal de control de aforos do  Servizo de  Festas na parte final do concerto estimou que se estaba a aglomerar demasiada xente ao redor do recinto previsto para o evento. Por este motivo avisouse á Policía Local que activou o protocolo de seguridade. 

Suspendíase o concerto e procedíase a desaloxar a praza. Primeiro retirábase ás persoas que se atopaban fóra do espazo limitado e, a continuación, desaloxábase ás persoas que permanecían na zona habilitada con cadeiras. Con este procedemento, segundo a concelleira, evitáronse máis aglomeracións na praza.

Vilaverde afirma que, durante o resto das Festas da Peregrina que afrontan a súa fase final, manterase activo este protocolo, que foi utilizado en dúas ocasións durante estes eventos festivos. A anterior ocasión foi nas pistas de Campolongo durante o concerto do grupo De Vacas.  "Actuarase sempre que se considere que pode haber algún perigo", explicou a responsable de seguridade.

Desde o goberno local agradecen o comportamento responsable da cidadanía e solicitan que continúe sendo igual de coidadosa e actuando coa mesma responsabilidade que ata o de agora.

Todas as actividades de escenario durante as Festas atópanse limitadas e o público debe permanecer sentado en función do número de cadeiras que se establezan durante todo o espectáculo. Os 13 espazos escénicos son previamente  desinfectados e ao final de cada actuación volven ser  desinfectados. En todos estes recintos hai unha única porta de entrada e o público debe de pasar por unha alfombra  húmedecida con produtos desinfectantes e, a continuación, por unha alfombra seca. Ademais, os espectadores están obrigados a levar máscara, a limpar as súas mans con  hidrogel e seguir as indicacións do persoal de  seguridade e dos  acomodadores.