Un estudo marcará a folla de ruta para adaptar Cerdedo-Cotobade aos requisitos europeos de xestión de residuos

Cerdedo Cotobade
08 de xullo 2024

Jorge Cubela mantivo unha xuntanza de traballo coa empresa Novotec Consultores, adxudicataria do contrato para realizar un estudo de viabilidade para a definición do modelo óptimo de recollida de residuos e de implantación do pago por xeración que imporá a Unión Europea a todos os municipios a partir de abril do ano 2025

Jorge Cubela e responsables da empresa Novotec Consultores
Jorge Cubela e responsables da empresa Novotec Consultores / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade encargou un estudo de viabilidade para a definición do modelo óptimo de recollida de residuos no municipio e para marcar a folla de ruta para a implantación do pago por xeración que imporá a Unión Europea a todos os municipios a partir de abril do ano 2025.

O alcalde, Jorge Cubela, mantivo unha xuntanza de traballo coa empresa Novotec Consultores, adxudicataria do contrato para realizar este estudo.

O documento realizará unha diagnose da situación actual e analizará o marco normativo, a situación territorial e socioeconómica e o modelo actual de recollida, ademais de facer un balance económico.

A partir diso, analizaranse distintos modelos e escenarios que leven a seleccionar e dimensionar o modelo máis óptimo e eficiente para Cerdedo-Cotobade que permita cumprir os obxectivos legais e estar á vangarda na recollida de e xestión de residuos de Galicia.

Desta maneira, o municipio adaptarase ás novas esixencias normativas procedentes da Unión Europea, que están baseadas en reducir o peso de residuos, alcanzar uns obxectivos de reciclaxe e a recollida diferenciada da materia orgánica, e á Lei Estatal 7/2022, que recolle que antes de abril de 2025, todos os municipios teñen que ter establecida unha taxa xusta, diferenciada e non deficitaria que permita implantar sistemas de pagamento por xeración e que reflicta o custo real do servizo.

Esta iniciativa é unha das primeiras en Galicia nesta liña e Jorge Cubela valorou moi positivamente esta oportunidade que se presenta de "liderar a vangarda en Galicia da aplicación das normativas europeas de recollida e xestión do lixo" .

O alcalde indicou que teñen como obxectivo "dispoñer dun servizo de recollida feito á medida das nosas necesidades e tendo en conta todas e cada unha das nosas particularidades, sempre coa vista posta no cumprimento da legalidade e na optimización de recursos ao menor custo posible para os veciños e para a propia administración local".