Un faladoiro e un obradoiro de sexualidade para celebrar o 8 de marzo en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
05 de marzo 2017

O Día Internacional da Muller que, como é habitual, celebrarase o próximo 8 de marzo, tamén terá a súa propia programación en Ponte Caldelas. O goberno municipal preparou dúas actividades nas que se falará de cuestións como o papel da muller na sociedade, a igualdade real, a identidade, o desexo ou a expresión da afectividade sexual ao longo da vida

Concello de Ponte Caldelas Mónica Patxot

O Día Internacional da Muller que, como é habitual, celebrarase o próximo 8 de marzo, tamén terá a súa propia programación en Ponte Caldelas. O goberno municipal preparou dúas actividades nas que se falará de cuestións como o papel da muller na sociedade, a igualdade real, a identidade, o desexo ou a expresión da afectividade sexual ao longo da vida.

O programa comezará o mesmo xoves 8 cun faladoiro dirixido por Esperanza Díaz Beltrán e no que participarán varias mulleres veciñas do municipio. A través dunha conversa irán compartindo as súas historias de vida: experiencias profesionais e laborais, relacións persoais, familiares e sociais, lecer, corresponsabilidade, lembranzas ou expectativas.

Será a partir das 18.30 horas no salón de actos do Centro Cultural de Ponte Caldelas con acceso aberto a todo o público, previa inscrición. Falarase sobre a erradicación de clixés e violencias machistas, a equidade salarial, a igualdade no acceso á educación, a presenza feminina na política ou na empresa ou a universalización de coidados, entre outros aspectos.

A segunda actividade será o obradoiro que leva por título "Muller: identidades, afectos e coidados. Cómo amar aos demais empezando por unha mesma". Desenvolverase durante os venres 10 e 17 de marzo, en horario de 18.00 a 20.00 horas.

A educadora sexual Débora Baz presentará a sexualidade "como unha fonte de pracer, saúde, benestar e comunicación, que, vivida de xeito satisfactorio, é tamén unha fonte de comprensión cos demais, así como unha eliminación de tensións e rixideces".

Será unha oportunidade para aprender sobre conceptos como a identidade sexual, o desexo sexual e a afectividade sexual.  As prazas son limitadas a 20 persoas e formarase un grupo pechado para gozar das dúas sesións de xeito gratuíto.

As solicitudes para participar en ambas actividades deben realizarse no Servizo de Atención á Cidadanía do Concello de Ponte Caldelas ou na sede electrónica do Concello.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora