Un falcón salvaxe caza dende hai un ano as pombas da Ferrería

Pontevedra
22 de abril 2015

Dende hai máis dun ano un falcón acode con frecuencia á praza da Ferrería para cazar, segundo informaron dende a empresa Lanus Control. Esta ave de presa converteuse nun aliado do Concello de Pontevedra nos seus plans para controlar as poboacións de pombas e gaivotas existente na cidade e que xeran numerosas molestias entre os veciños.

Un falcón na Alameda
Un falcón na Alameda

Dende hai máis dun ano un falcón acode con frecuencia á praza da Ferrería para cazar, segundo informaron dende a empresa Lanus Control.

Esta ave de presa converteuse nun aliado do Concello de Pontevedra nos seus plans para controlar as poboacións de pombas e gaivotas existente na cidade e que xeran numerosas molestias entre os veciños.

Segundo explicou o concelleiro de Sanidade Animal, Miguel Filgueira, a principal queixa é dos hostaleiros polo estrago que estas aves causan á vaixela nas terrazas, seguido dos danos que xeran nos tellados das casas, atascando caneiros ou movendo tellas.

A partir do próximo mes de maio esta concellaría iniciará unha nova campaña de control das poboacións de gaivotas e pombas na zona urbana, para o que dous traballadores da empresa Larus Control, coa supervisión da Consellería de Medio Ambiente, retirarán os ovos dos niños das gaivotas dos tellados e capturará exemplares de pombas a través de gaiolas.

No caso das pombas, actuarase na praza da Ferrería e praza de España. Só na Ferrería contabilizáronse unhas 400 pombas. O obxectivo é reducir entre un 30 e un 40% a poboación destes animais.

En canto ás gaivotas, actuarase nos tellados das vivendas nas que se localizaron os niños o ano pasado. Os veciños interesados en que acudan ás súas vivendas para retirar niños de gaivotas poden chamar ao teléfono 654 831 848 para que acudan estes especialistas.