Un ferido por agresión e cinco atendidos por intoxicacións etílicas, balance da Noitevella

Pontevedra
01 de xaneiro 2020

A Noitevella foi tranquila en Pontevedra. As primeiras horas do ano 2020 encheron de xente as rúas, pero, pese á cantidade de persoas que saíron de festa, o balance resultou dunha madrugada sen apenas incidentes e pouca actividade no centro de saúde da Parda e Urxencias de Montecelo  

Acceso ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo
Acceso ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A Noitevella foi tranquila en Pontevedra. As primeiras horas do ano 2020 encheron de xente as rúas da cidade, pero, pese á cantidade de persoas que saíron de festa, o balance resultou dunha madrugada sen apenas incidentes. Tan só se rexistraron nos centros sanitarios da cidade cinco casos de consumo excesivo de alcol e unha persoa ferida nunha agresión.

Segundo o balance facilitado pola área sanitaria de Pontevedra, no centro de saúde da Parda o persoal de garda atendeu tan só a unha persoa por unha patoloxía que se poida asociar á festa da primeira madrugada do ano, intoxicación etílica.

No servizo de Urxencias do Hospital Montecelo a actividade directamente relacionada coa Noitevella foi maior. Chegou ás instalacións unha persoa que fora vítima dunha agresión e catro tiveron que ser atendidas por intoxicación etílica. 

A nivel policial, durante a noite houbo un despregamento especial de medios das policías Local e Nacional. A Policía Nacional destaca que non se produciron feitos relevantes nin detencións durante a noite.