Máis de 120 pequenos bailaríns, acompañados de ao redor de setenta familiares, ofrecerán bailes de todos os estilos desde bachata a sevillanas pasando por salsa, chachachá, merengue, tango, baile moderno e baile de competición, este sábado na Residencia de Maiores de Campolongo.
Trátase dun Festival benéfico que organiza a Escola de Baile PonteBaile co obxectivo de alegrar estas datas previas ao Nadal ás persoas que residen neste centro de maiores.
O espectáculo comezará ás 18.00 horas do sábado 16 de decembro no auditorio da residencia, pertencente á Xunta de Galicia.
A capacidade do recinto atópase limitada a residentes do centro e a alumnado e familiares da escola de baile pontevedresa, que dirixen Noemí Abal e Adrián Esperón.
Os residentes deste centro convertéranse no pasado Nadal en referencia en toda España ao recibir máis de 6.000 cartas en dúas semanas de persoas que querían trasladarlles mensaxes de agarimo nestas datas especiais.