Un grafiti feito por escolares concienciará en Pontevedra contra a violencia machista entre adolescentes

Pontevedra
30 de marzo 2017

Dous muros situados nas cidades de Pontevedra e Vigo. É o lenzo sobre o que traballarán os gañadores dun concurso dirixido a escolares galegos e que busca concienciar sobre os problemas derivados da violencia de xénero entre os adolescentes

Una moza facendo un grafiti
Una moza facendo un grafiti / Juan Mejuto

Dous muros situados nas cidades de Pontevedra e Vigo. É o lenzo sobre o que traballarán os gañadores dun concurso dirixido a escolares galegos e que busca concienciar sobre os problemas derivados da violencia de xénero entre os adolescentes.

Trátase dunha iniciativa da Asociación Arela e da Fundación Barrié. Neste concurso de grafiti poderán participar alumnos matriculados en ESO, Bacharelato e Formación Profesional que cursen os seus estudos en centros galegos.

Todos eles deben reflexionar e crear mensaxes claras de freo á violencia machista entre adolescentes, implicando así aos mozos na loita social contra calquera tipo de manifestación violenta. 

Amparados polo seu correspondente centro educativo, os interesados en participar neste concurso deberán preparar un bosquexo do grafiti (en papel ou en formato dixital) que contemple unha mensaxe, unha reflexión ou un motivo de concienciación sobre o tema central do concurso.

As propostas presentadas serán valoradas por un xurado integrado por representantes do ámbito da igualdade, colectivos e persoas relacionadas co mundo do grafiti, portavoces da Asociación Arela e a Fundación Barrié e os concellos de Vigo e Pontevedra.

Os dous bosquexos gañadores poderán plasmar eses grafitis en muros de ambas as cidades, coa colaboración e supervisión dun grafiteiro de renome en Galicia.

A inscrición no concurso pódese realizar ata o 20 de maio a través das páxinas web de Arela (www.arela.org) e a Fundación Barrié (www.fundacionbarrie.org). O fallo coñecerase en xuño.