Un gromo de covid-19 no IES A Xunqueira I obriga a confinar cinco aulas

Pontevedra
19 de febreiro 2021

Tres casos positivos entre o profesorado, cun docente en estado grave, motivan a decisión do Sergas de illar aos estudantes e realizar un cribado para coñecer o volume total de contaxios

IES Xunqueira I
IES Xunqueira I

Cinco aulas do instituto pontevedrés A Xunqueira I permanecen confinadas desde este venres despois de detectarse polo menos tres casos positivos por covid-19 entre o profesorado.

Co obxectivo de cortar a transmisión, o Sergas ordenou a suspensión da actividade docente presencial en cinco aulas deste centro educativo. Os estudantes seguirán recibindo clases por vía telemática como se explica no correo electrónico remitido aos integrantes da comunidade educativa afectada por este brote.

Sen data para o regreso ao instituto, os estudantes serán citados por Sanidade para someterse a un cribado que permita coñecer o alcance real deste brote que mantén a tres docentes de baixa e un deles en estado grave pola enfermidade. 

Fontes do instituto explican a PontevedraViva que a orixe deste brote pode deberse á presenza de asintomáticos entre o alumnado. Con esta sospeita, a dirección do centro solicitou ao Sergas a realización dun cribado, algo que xa se fixo en situacións similares producidas anteriormente. Con todo, a petición non foi atendida e, despois de confirmarse os contaxios, Sanidade ordenou o confinamento destas cinco aulas.

A notificación enviada aos afectados por parte da Xefatura Territorial da Xunta en Pontevedra recolle o seguinte: "O grupo permanecerá confinado desde o 19 de febreiro ata novo aviso. O obxectivo é facer un cribado entre este alumnado. Por favor, non mande ao alumno ao centro. Poñeranse en contacto co mesmo para facerlle a proba covid y comunicarlle o retorno á aula. Mentre, o alumnado seguirá en contacto coas materias a través de aula virtual seguindo as instrucións alí sinaladas".