Un home a mata súa muller en Barro e, tras avisar á Garda Civil, afórcase

Barro
25 de agosto 2014
Actualizado: 14:38

Traxedia en Barro cun novo caso de violencia machista. A Garda Civil recibía a chamada ás 8.30 desta mañá na que un home comunicaba que acababa de matar a súa muller e anunciaba que ía suicidarse. O matrimonio tiña dúas fillas de curta idade que estaban na vivenda

Familiares, veciños e gardas civís no exterior da vivenda onde Daniel Carballal supostamente matou a súa muller e logo rematou coa súa vida
Familiares, veciños e gardas civís no exterior da vivenda onde Daniel Carballal supostamente matou a súa muller e logo rematou coa súa vida / PontevedraViva

Traxedia en Barro cun novo caso de violencia machista. Un home de 48 anos mataba durante a noite á súa esposa, de 38 anos de idade, tras dispararlle dúas veces no seu domicilio da localidade de Portela do Concello de Barro e, a continuación, suicidábase no cobertizo da vivenda.

Segundo informaron fontes que investigan o caso, a Garda Civil recibía a chamada ás 8.30 desta mañá do luns 25 na que un home, de nome Daniel Carballal Moldes, comunicaba que acababa de matar á súa muller e anunciaba que ía suicidarse. Cando a patrulla da Garda Civil chegaba ata a zona, atopouse o corpo da muller morta na cociña do domicilio nun charco de sangue, mentres que o home foi achado aforcado, ao colgarse dun saliente da parede posterior da vivenda.

Os falecidos eran pais de dúas nenas de curta idade. Tras ter constancia do sucedido, dende os servizos sociais municipais enviaron a vivenda a persoal especializado que atendeu ás dúas nenas, que estaban no interior da casa familiar e posteriormente quedaron a cargo do padriño dunha delas.

Axentes da Garda Civil investigan as causas nas que se produciu este dramático suceso, ocorrido nunha zona próxima á estación de tren de Portela. Non hai constancia, segundo a Subdelegación do Goberno, de que a vítima presentase denuncias previas.

Segundo os veciños, tampouco se coñecían problemas previos entre a parella. El era traballador da construción e actualmente atopábase nuna situación laboral complicada, segundo os veciños. Mentres que ela, que se chamaba Mónica Lorenzo Gómez, era natural de Marín e traballaba no servizo de autobús escolar e para os servizos sociais do Concello de Barro, onde atendía a personas mayores.

"Eran os dous moi traballadores", sinalaba unha veciña dunha casa próxima. A muller, visiblemente consternada, confirma que os veciños non tiñan constancia de problemas previos entre a parella, senón que "eran moi bos e levábanse ben". "A min aínda me parece que é mentira, como si o soñara, non podo crer que Daniel fixera iso", sinalaba pasado o mediodía outro veciño da zona, que se achegou ata a casa dos feitos alertado pola presenza da Garda Civil. Ningún deles escoitou o son de ningún disparo durante a noite nin sentiu nunca discusións entre a parella, se ben outras fontes sinalan que podían encontrarse en fases de separación.

A parella tiña dúas fillas de curta idade que estaban no interior da vivenda

Ás 12.20 horas, o xuíz ordenou o levantamento dos cadáveres que foron retirados ante o silencio dos numerosos veciños que se achegaron ata a vivenda desta familia. Entre os presentes estaban familiares directos de ambos os dous falecidos, que mostraron signos de nerviosismo e chegaron a encarse coa prensa para protestar pola súa presenza na zona. Os corpos foron trasladados á Delegación Territorial do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) para que se lle practique a autopsia.

Entre os que se achegaron ata a casa deixáronse ver choros, sobre todo a primeira hora, cando empezou a estenderse a noticia. A media mañá, presentouse o alcalde de Barro, José Antonio Landín, no lugar do suceso e convocou un pleno extraordinario para a tarde deste luns ás 21.00 horas.

De confirmarse o seu falecemento por violencia de xénero, sería a sexta vítima mortal que se produce en Galicia no que vai de ano e a número 37 en España. Na provincia de Pontevedra só rexistrouse un caso ata agora, en Pazos de Borbén.

Desde a Delegación do Goberno en Galicia condénase este feito e faise un chamamento a todas as mulleres que sofren malos tratos e aos seus familiares e coñecidos para que denuncien aos agresores. Recórdase que é necesaria a implicación de toda a sociedade contra toda violencia, especialmente aquela exercida contra as mulleres.

A Delegación do Goberno recorda a importancia de utilizar o teléfono 016, que é gratuito para denunciar estes casos e garante a confidencialidad da chamada xa que non queda rexistrada na factura telefónica.