Un home de 85 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra converteuse este luns na vítima número 22 da pandemia da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Segundo o último balance realizado pola Consellería de Sanidade, Galicia rexistrou este luns unha xornada negra con oito novas mortes de pacientes con coronavirus, o día con máis falecidos desta segunda onda da enfermidade. Desde maio non se rexistraban tantos falecementos na comunidade.
No caso da vítima pontevedresa, o home estaba ingresado no Hospital Montecelo e tiña patoloxías previas que complicaron a evolución da covid-19.
Na última semana rexistráronse en Pontevedra e O Salnés tres mortes por coronavirus. A última produciuse o pasado venres 2 de outubro, unha muller de 82 anos con patoloxías previas que estaba ingresada en Montecelo. Tres días antes, morrera outra muller de 89 anos.
Este luns 5 de outubro hai na área sanitaria, segundo o balance oficial realizada polo Sergas antes de coñecerse esta nova vítima mortal, 685 casos activos de coronavirus, dos que 663 evolucionan no seu domicilio e os 22 restantes estaban ingresados no Hospital Montecelo. A última hora da tarde, ese número reduciuse.
Segundo o balance facilitado ao mediodía, había 7 pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo e 15 ingresados en planta de hospitalización, 13 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 1 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 1 no Hospital do Salnés.
Desde o domingo detectáronse 20 novos positivos por covid-19 na área sanitaria. Houbo nas últimas 24 horas 24 pacientes curados e 20 contagios, de modo que o número total de casos activos reduciuse en catro.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 1.545 pacientes e faleceron por este virus na área sanitaria 22 pacientes.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas realizáronse 1.225, que se engaden ás 46.705 xa efectuadas desde o inicio da pandemia-