Un home lánzase ao Lérez en pleno inverno para evitar ser detido pola Policía Local

Pontevedra
11 de xaneiro 2021

Unha patrulla da Policía Local recoñeceu ao individuo sobre o que pesaba unha orde xudicial de entrada en prisión e, ao proceder á súa identificación, escapou lanzándose ao río e negándose a saír para non ser procesado

Deteñen a un home que se lanzou ao Lérez para fuxir da Policía Local
Deteñen a un home que se lanzou ao Lérez para fuxir da Policía Local / Mónica Patxot

A contorna da Ponte de Santiago, en Pontevedra, está a ser escenario dun insólito operativo policial. Coches de policía, ambulancias, bombeiros e decenas de curiosos apíñanse nas beiras do río Lérez observando como os axentes tratan de apresar a un home duns 30 anos que se lanzou á auga para evitar ser detido pola Policía Local.

O suceso produciuse arredor das 16.35 horas na rúa Rafael Areses. Unha patrulla da Policía Local recoñeceu a un individuo sobre o que pesaba unha orde de entrada en prisión. Os axentes procederon a identificalo e antes de detelo, o home emprendeu a fuga a pé. Ao ver que non tiña escapatoria decidiu lanzarse ao río, en pleno inverno e cunha temperatura que apenas supera os 10 graos. 

Os gardas trataron de convencelo para que saíse da auga, pero o mozo permaneceu máis de media hora na auga negándose a saír. Mentres tanto, seguían chegando curiosos ao lugar e na contorna agardaban os axentes da lei e sanitarios para intervir cando fose necesario. 

Finalmente, o home acabou sendo detido por axentes da Policía Local, que se tiveron que meter no río, nas inmediacións da Ponte dos Tirantes.

Testemuñas do ocorrido explicaron a  PontevedraViva que durante o operativo procedeuse tamén á detención dunha muller que circulaba nun vehículo de cor vermella pola ponte de Santiago, aínda que polo momento a Policía Local non o confirmou