Un incendio calcina un tráiler con dous vehículos de competición dentro en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo Cotobade
08 de xuño 2019

A Garda Civil investiga as causas do incendio, iniciado de madrugada en Tenorio. Dentro do camión había dous vehículos de competición, catro xogos de rodas, varios equipamentos de competición e ferramentas de traballo, material que está valorado nunha importante suma de diñeiro 

Extinción dun incendio / ARQUIVO
Extinción dun incendio / ARQUIVO / Guardia Civil

Un incendio declarado durante a madrugada deste sábado calcinou un camión tráiler e todo o que tiña no seu interior, entre outros elementos, dous vehículos de competición. 

O lume comezou cando o tráiler estaba estacionado na vía pública no lugar de Traslamós, na parroquia de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, por motivos que se descoñecen e que está a investigar a Garda Civil.

Ata o lugar trasladáronse efectivos dos bombeiros de Ribadumia e A Estrada, pero nada puideron facer para salvar o camión, que quedou totalmente calcinado. 

No interior do camión había dous vehículos de competición, catro xogos de rodas, varios equipamentos de competición e ferramentas de traballo, material que está valorado nunha importante suma de diñeiro, posiblemente varias decenas de miles de euros. 

A Garda Civil tivo coñecemento dos feitos sobre as cinco da madrugada e, unha vez sufocadas as chamas, puxo en marcha unha investigación para determinar a orixe do lume

A investigación implicou inicialmente aos axentes da Garda Civil de Ponte Caldelas e Pontevedra, pero posteriormente asumiron as pescudas os efectivos da Policía Xudicial de Cangas e o equipo de investigación de incendios

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora