Un incendio dentro dun garaxe obriga a cortar Cruz Gallástegui e desaloxar parte dun edificio

Pontevedra
14 de novembro 2023
Actualizado: 14:08

O lume declarouse nunha furgoneta aparcada no primeiro soto. Dado que estaba estacionada nunha zona na que non había máis coches, o lume non se estendeu e os danos materiais limitáronse a ese único vehículo

Incendio nun garaxe da rúa Cruz Gallástegui / PontevedraViva

Un incendio iniciado pouco antes das nove da mañá deste martes obrigou a desaloxar un garaxe e parte dun edificio da rúa Cruz Gallástegui e a cortar o tráfico na citada rúa. 

O lume declarouse no interior dun garaxe, nunha furgoneta dun negocio situado nas inmediacións que estaba aparcada no primeiro soto. Dado que o vehículo estaba estacionado nunha zona na que non había máis coches, o lume non se estendeu e os danos materiais limitáronse a esa única furgoneta. 

O incendio causou gran alerta na zona porque empezou a saír unha cantidade moi importante de fume negro cara á rúa. Ademais, empezaron a escoitarse deflagracións das rodas do vehículo.

Deseguido foron mobilizados os Bombeiros de Pontevedra, así que como as policías Local e Nacional e Protección Civil

O garaxe afectado pertence a un edificio con entradas desde a rúa Cruz Gallástegui e tamén a Benito Corbal, pero a furgoneta estaba estacionada na zona máis próxima a Cruz Gallástegui, de modo que o fume saía cara a esta rúa. 

Esta circunstancia levou á Policía Local a pechar ao tráfico esta rúa por prevención e para garantir as tarefas de extinción. 

Así mesmo, por precaución, pola nube de fume negro que saía do garaxe, procedeuse a desaloxar unha parte do edificio, aínda que unha hora despois os veciños puideron regresar ás súas casas. 

O garaxe permanecerá pechado ata que os bombeiros logren garantir que o aire está en condicións adecuadas e a Policía Científica da Policía Nacional poida acceder ao seu interior para investigar o ocorrido. 

Vicente Ferrería, xefe dos Bombeiros de Pontevedra, indicaba que, grazas a cámara térmica, conseguiron localizar rápido o foco do lume  A continuación, empregaron unha liña de 45 para a extinción nunha intervención que se realizou con "axilidade".

O responsable do Parque de Bombeiros indicou que "non había vehículos pegados e no interior non se atopaba ningunha persoa, o que tería complicado a intervención". Sinalou tamén que houbo que estudar o fluxo do aire para ventilar o espazo ao tratarse dun garaxe con dúas entradas.