Un informe municipal rexeita revisar as liquidacións pola taxa de saneamento do rural

Pontevedra
25 de febreiro 2016

En total, segundo indicou o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, xiráronse uns 400 recibos a fogares que non se conectaron á rede, a pesar de tela dispoñible. Delas, entre 60 e 65, presentaron alegacións a este cargo; sendo anuladas doce delas, a maioría polo mesmo motivo, ao ser notificada a taxa por unha empresa privada e non polo propio concello

Entrada das dependencias administrativas do Concello na rúa Michelena
Entrada das dependencias administrativas do Concello na rúa Michelena / Mónica Patxot

Todos os grupos da oposición aliáronse no pasado Pleno municipal para que o Concello devolvese as taxas de saneamento rural cobradas durante o últimos catro anos a algunhas casas que non quixeron conectarse á rede. Ademais, solicitaban que se revisasen todas as liquidacións realizadas para que, no caso de atoparse máis casos nos que se cobrou a taxa sen gozar do servizo, se lles devolvese de oficio o diñeiro.

Pero o cumprimento deste acordo topouse cun obstáculo importante. Un informe redactado polas responsables do Órgano de Tesourería e Xestión Tributaria do Concello asegura que nin o Pleno nin a Xunta de Goberno teñen competencias para dar unha orde deste estilo, xa que lembran que na tramitación deste tipo de expedientes, a decisión corresponde "unicamente" a este servizo.

Ao seu xuízo, no cobro da taxa "non se dá transgresión ningunha" das normas tributarias vixentes, mentres que a pretendida revogación "si supoñería unha infracción" do ordenamento xurídico, provocando "desigualdade" entre os cidadáns.

Tras lembrar que o saneamento é un servizo de "recepción obrigatoria" se os veciños teñen acceso á rede, o informe sinala que os recibos anulados foron por "cuestións formais" ao incorrerse nun erro de notificación, pero non por falta de dispoñibilidade do servizo.

Así, entenden que se se revogan outros casos similares daríase un caso de "inxustiza tributaria" derivada do mantemento desta rede, necesaria e obrigatoria para a salubridade pública, "só polos cidadáns responsables que si cumpren voluntariamente coas súas obrigacións urbanísticas e tributarias".

En total, segundo indicou o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, xiráronse uns 400 recibos a fogares que non se conectaron á rede, a pesar de tela dispoñible. Delas, entre 60 e 65, presentaron alegacións a este cargo; sendo anuladas doce delas, a maioría polo mesmo motivo, ao ser notificada a taxa por unha empresa privada e non polo propio concello.

O PP INSISTE EN PEDIR A DEVOLUCIÓN DE DIÑEIRO

A pesar da existencia deste informe, o Partido Popular esixiu este xoves ao goberno municipal que deixe de buscar "escusas e artimañas" para seguir "estafando" aos veciños do rural cos recibos da rede de saneamento e que proceda, como así foi aprobado no Pleno, a devolver o diñeiro aos veciños que lle corresponda.

Jacobo Moreira non quixo pronunciarse respecto deste informe cuxo contido, segundo afirmou, descoñece porque desde o goberno municipal non se lles facilitou.