Un informe técnico tomba a moción do PSOE sobre a feira ambulante

Pontevedra
09 de agosto 2023

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, deu conta este mércores en rolda de prensa do informe elaborado de oficio pola Secretaría do Pleno no que tomba a moción que o grupo municipal do PSOE en Pontevedra levará ao próximo pleno para solicitar o traslado definitivo do mercadillo ambulante á Alameda

Manifestación dos vendedores ambulantes que participan na feira dos sábados
Manifestación dos vendedores ambulantes que participan na feira dos sábados / PontevedraViva

Novo xiro na polémica aberta coa localización definitiva da feira ambulante de Pontevedra.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, deu conta este mércores en rolda de prensa do informe elaborado de oficio pola Secretaría do Pleno no que tomba a moción que o grupo municipal do PSOE en Pontevedra levará ao próximo pleno para solicitar o traslado definitivo do mercadillo ambulante á Alameda. 

Lembremos que a moción presentada pola concelleira Yoya Blanco, responsable de mercados no anterior mandato, solicita a modificación do artigo 5 da ordenanza de venda ambulante vixente, que data do ano 1997, para establecer a Alameda como lugar principal para a organización deste mercadillo, así como establecer Campolongo como lugar alternativo cando a Alameda estea ocupada con outras actividades. Así mesmo, piden tamén incluír estes emprazamentos no texto da nova ordenanza, que se atopa en trámite de aprobación.

O informe da Secretaría do Pleno establece a "inviabilidade" da proposta presentada polo PSOE. Concretamente, nas súas conclusións o informe di que "a proposición presentada contempla unha alegación á ordenanza en tramitación presentada despois do prazo de exposición pública. Procedería, por tanto, a súa inadmisión por extemporánea".

Tal e como resumiu Anabel Gulías, a Secretaría do Pleno entende que "non se pode presentar alegacións unha vez que finalizou o prazo de exposición pública porque se converte nunha volta para empezar" ou o que é o mesmo "volver á casiña de inicio".

Ademais o informe tamén sinala que a proposta "carece dos informes preceptivos" por parte da asesoría xurídica do Concello e engade que, "de ser aceptada, esixiría unha nova fase de exposición pública e audiencia".

"Non vale facelo desta forma", resumiu a concelleira nacionalista, "non é posible facer unha modificación da ordenanza cando xa pasaron todos os trámites pertinentes". 

"Estamos a falar dunha cuestión seria", recalcou Anabel Gulías, "que tal e como está agora mesmo a ordenanza supón que no mellor dos casos estariamos a falar dunha solución para o ano que vén".

"INSTRUMENTALIZADOS"

Anabel Gulías asegurou que no Goberno Local de Pontevedra "lamentamos profundamente" a situación xerada e advertiu aos vendedores ambulantes que "creo que neste momento están a ser instrumentalizados, utilizados politicamente".

A concelleira de Promoción Económica apuntou que "se se lles está dicindo que isto vai ser cuestión de días, que no próximo pleno vai arranxar, teñen que saber que é falso, que non é certo e que xa non é unha cuestión de opinión senón técnica".

AVENIDA DE BOS AIRES

A concelleira de Promoción Económica lembrou que "segue en pé" a proposta de situar a feira na avenida de Buenos Aires como emprazamento alternativo que "estamos dispostos a facilitar para canto antes sexa posible", dixo.

"Eu son concelleira de Pontevedra non son concelleira da feira" subliñou Anabel Gulías antes de lembrar que a proposta do Concello despois de consultar a todos os sectores afectados "é buscar unha localización que xere sinerxias" e neste sentido mostrouse convencida de que "hai un consenso amplo" da necesidade de dinamizar o Mercado de Abastos por iso exponse a localización na Avenida de Buenos Aires "a mellor proposta para a cidade".