O Concello de Pontevedra aínda non recepcionou o Estadio de Pasarón, segundo conclúen os asesores xurídicos municipais.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acaba de recibir o informe solicitado aos técnicos para que aclarasen a situación e efectos que pode producir e as consecuencias xurídicas que tería a recepción polo Concello das obras do campo de fútbol de Pasarón.
Agustín Fernández sostén que o estadio segue en mans da Deputación de Pontevedra e non foi recepcionado polo Concello, tal como afirman a propia institución provincial e os concelleiros do BNG no goberno capitalino, esgrimindo o principio da "recepción tácita" ao transcorrer máis dun ano dende que a Deputación recibiu as obras formalmente e que completou a documentación remitida ao concello.
Para dilucidar esta cuestión Agustín Fernández formulou esta consulta, e agora a asesoría xurídica confírmalle a súa tese "o que non cabe é que polo simple transcurso do tempo se poida predicar que se tivera producido a aceptación por este Concello, implicando simultaneamente un carácter liberatorio para a Deputación dous defectos que, advertidos nun primeiro momento, se puidesen manter como se debeu advertir á entidade requirente".
Igualmente os asesores municipais descartan que se trate de "un acto presunto que polo positivo sentido do silencio obrigase a este Concello".
Nas súas conclusións os xuristas engaden que o Concello debe dispoñer "sen dilación ningunha", que os técnicos municipais "acometan unha inspección do equipamento", unha actividade da que dependerá a posición que deba adoptar o concello respecto á aceptación do estadio.