Un investimento de 56.000 euros mellora o acceso ás vivendas de Calvelle, en Aguasantas

Cerdedo Cotobade
18 de decembro 2023

O alcalde, Jorge Cubela, supervisou os últimos traballos levados a cabo nestes camiños e lembrou que estas tres intervencións forman parte do compromiso adquirido coa veciñanza de Calvelle 

Jorge Cubela supervisa os traballos nun camiño de Calvelle, en Aguasantas
Jorge Cubela supervisa os traballos nun camiño de Calvelle, en Aguasantas / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de destinar un investimento de 56.000 euros a mellorar tres viais de titularidade municipal no lugar de Calvelle, na parroquia de Aguasantas.

O alcalde, Jorge Cubela, supervisou os últimos traballos levados a cabo nestes camiños e lembrou que estas tres intervencións forman parte do compromiso adquirido coa veciñanza de Calvelle e que suporá unha mellora no acceso ás vivendas desta zona de Aguasantas.

Con estas actuacións, buscouse dar resposta positiva ás necesidades que plantexa a poboación. "Ímolas acometendo todas a medida que podemos atendendo as máis urxentes e tamén traballando en función da dispoñibilidade económica", explica Cubela, que insiste en que "somos xente de palabra e temos un equipo preparada para xestionar tanto as grandes obras, servizos e investimentos como os problemas que afectan de xeito cotián á xente".

Nun camiño, o Concello acometeu o pavimentado de aglomerado en quente ao longo duns 250 metros dun vial de titularidade municipal no que tamén se realizou a reposición do firme e se acometeu os distintos enlaces ás vivendas así como o retranqueo e o sobreancho dun muro cunha lonxitude aproximada duns 25 metros.

Noutro camiño, a intervención consistiu na construción de cunetas, cunha lonxitude aproximada duns 100 metros, para canalizar as augas pluviais e mellorar a drenaxe da zona para solucionar graves problemas de inundación derivados das intensas choivas que se producen na época de outono e inverno.

A terceira das intervencións centrouse no ensanche dunha pista de acceso entre vivendas duns 50 metros de lonxitude e cun ancho duns 4 metros co cal se facilita en gran medida o acceso de vehículos de emerxencias para poder intervir en caso de que sexa necesario.