Un laudo arbitral dá a razón a Comisións Obreiras nas eleccións do persoal laboral do Concello

Pontevedra
30 de novembro 2023

O secretario de organización de Comisións Obreiras na comarca de Pontevedra, Xosé Luis García Pedrosa, asegurou que o seu sindicato acaba de "impedir unha fraude" nas eleccións do persoal laboral do Concello da capital

José Luis García Pedrosa, secretario de organización de CCOO Pontevedra
José Luis García Pedrosa, secretario de organización de CCOO Pontevedra / Mónica Patxot

O secretario de organización de Comisións Obreiras na comarca de Pontevedra, Xosé Luis García Pedrosa, asegurou que o seu sindicato acaba de "impedir unha fraude" nas eleccións do persoal laboral do Concello da capital xa que, segundo afirma "a Administración pretendía que se elixise un Comité de Empresa cando só corresponde elixir tres delegados de persoal".

Pedrosa explicou que nestas eleccións do persoal laboral "desde o goberno municipal promovéronse unha serie de irregularidades que cuestionaban a limpeza do proceso electoral" xa que, "trataban de que se elixise un número maior de representantes do persoal laboral do que realmente corresponde". O obxectivo, segundo Pedrosa, sería "diminuír a representatividade do persoal funcionario en favor do persoal laboral, na composición da Mesa Xeral de Negociación".

É dicir, segundo sostén Comisións Obreiras, a Administración local "inflou" o censo electoral "incluíndo a persoal fixo que xa finalizara a súa relación laboral co Concello ou que, como consecuencia do proceso de estabilización, adquiriran con anterioridade ao comezo do proceso a condición de funcionarios".

Este sindicato presentou unha reclamación para que se excluíse a este persoal do censo, e a petición foi desestimada pola Administración, polo que CC.OO. presentou unha impugnación que foi resolta nun laudo arbitral que lles dá a razón e obriga a escoller a tres delegados de persoal en lugar dun Comité de Empresa.