Durante estas xornadas o secretario da Asociación Cultural O Chedeiro e o antropólogo Rafael Quintía percorren diferentes localizacións da parroquia pontevedresa de Cerponzóns.
Forma parte do traballo de recompilación de datos sobre o valor e o patrimonio da zona.
Con estas investigacións e co labor de inventariado quérese recoller con detalle os diferentes elementos etnográficos e focalizalos na historia desta localidade.
A intervención co inventario de bens e a elaboración da monografía está financiada pola concellería de Educación do Concello de Pontevedra que encargou á empresa Ab origine (Antropoloxía, Produción e Xestión Cultural) a realización destas investigacións.
Todo o material analizado será despois recollido nun libro monográfico que sairá publicado no último trimestre deste 2022. Nesta publicación describiranse cruceiros, muíños, fontes, lavadoiros, hórreos, pontes ou pombais que se atopan en distintos puntos da parroquia. Ademais, no libro contextualizaranse estes elementos facendo un repaso sobre os seus usos e as características máis destacadas.