A Deputación de Pontevedra vai publicar un libro con todas as conclusións e relatorios dos case medio cento de relatores da Facultade Ágora para sentar cátedra e divulgar coñecemento sobre como se debe recuperar o espazo público para as persoas. Así o anunciou este xoves o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez durante o acto de clausura da Facultade, no que se graduaron 124 persoas co título de ‘técnicas Ágora’.
Na xornada, celebrada no salón de actos do Pazo da Cultura, estiveron presentes a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o alcalde de Pontevedra e presidente da Rede de Cidades que Camiñan Miguel Anxo Fernández Lores, e a secretaria técnica da entidade, Ana Montalbán, ademais do director xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana e padriño da Facultade, Iñaqui Carnicero, por vía telemática.
Benítez sinalou que o acto de clausura da Facultade Ágora tiña o obxectivo de poñer en valor por primeira a formación de persoa técnica especialista na recuperación do espazo público. "É día de celebración, felicitación e de comprometerse a que a Deputación siga neste camiño", subliñou, destacando que é o momento de levar á práctica o aprendido adaptándoo "á realidade da provincia".
"Temos que desenvolver eses principios, poñer ás persoas primeiro. É algo ambicioso, mais agora mesmo grazas á Deputación xa hai 32 proxectos en redacción, 8 obras en execución polas subvencións Ágora, así como 13 grandes iniciativas do REACPON que seguirán os principios Ágora", apuntou.
O nacionalista subliñou que a experiencia do curso 2021 da Facultade, a pesares de ter que facer os seminarios formativos vía telemática pola COVID, foi "moi positiva, necesaria e innovadora e diferente". Destacou que para a Deputación foi un "éxito absoluto" tanto pola inscrición (213 persoas), pola asistencia e interacción nos seminarios, así como polo resultado do exame, con 124 persoas aprobadas, case a totalidade das que se presentaran.
Ademais lembrou que todo o profesorado participante cualificou como "impresionante" que unha institución como a Deputación teña organizado un curso deste estilo. "Énchenos de orgullo", dixo.
Por outra parte, o responsable da área provincial de Mobilidade apuntou que a Facultade Ágora foi moi necesaria. Insistiu en que o espazo público é unha competencia estritamente municipal e recibe unha gran cantidade de cartos públicos, polo que "hai que pensar ben como se gastan". "Hai un déficit nas carreiras oficiais e queriamos encher ese espazo, porque é importante para a sociedade que se deseñe ben", apuntou.
Tamén sinalou que a Facultade é unha proposta innovadora pola súa visión multidisciplinar do deseño urbano. Neste senso recordou que no corpo docente da Facultade houbo ata 14 titulacións diferentes: dende persoas médicas, urbanistas, arquitectas, enxeñeiras, matemáticas, xeógrafas, escritoras, fotógrafas, ata policías, entre outras.
Benítez subliñou que o plantel de profesorado estivo formado polas principais especialistas do mundo na materia. Destacou que por ese motivo a Deputación se decidiu a recoller as súas intervencións na futura publicación, que se distribuirá por colexios oficiais, escolas técnicas, concellos e institucións de todo o Estado. Tamén anunciou a posibilidade de organizar novas edicións da Facultade.