Un mercado solidario rexentado por estudantes pon o broche de ouro ao sétimo "Depoemprende na ESO"

Pontevedra
07 de xuño 2023

Un total de 135 rapazas e rapaces de 4º da ESO de Pontevedra, Redondela, Tui, Moaña e Gondomar concentráronse na Praza da Peregrina para vender os produtos creados polas cooperativas nadas ao amparo da 7ª edición do programa e centradas na natureza, ecoloxía e cultura

'DepoEmprende na ESO'
'DepoEmprende na ESO' / Mónica Patxot

O programa da Deputación para o fomento da cultura emprendedora en centros de secundaria, "Depoemprende na ESO", vén de poñer o broche de ouro á súa sétima edición cun mercado solidario efémero na praza da Peregrina en Pontevedra.

Un total de 135 rapazas e rapaces de 4º da ESO de Pontevedra, Redondela, Tui, Moaña e Gondomar acompañados de oito docentes amosaron as súas artes como vendedores dos produtos creados polas cooperativas nadas ao amparo do programa provincial, estreitamente relacionadas coa natureza, a ecoloxía, a cultura e a reciclaxe.

A deputada provincial en funcións Ana Mejías e a concelleira en funcións de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Blanco, visitaron o mercado e fixeron entrega dos diplomas aos cinco centros participantes. Tamén asistiron ao acto María del Carmen Jul Barreiro, asesora de emprendemento na Subdirección Xeral de Formación Profesional, Miguel Lago, presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, e Diana Pastoriza, xerente de AEMPE.

As cooperativas "Ecop”, "Icepolo”, "Ecoseoane” e "Copeponte”, do IES Luis Seoane de Pontevedra; "Roá” e "Artesanilla” do IES Illa de San Simón de Redondela; "Copegal” e "Golorico”, do IES San Paio de Tui; "Costa Vela” do IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña; e "Kaylate S. Coop” do IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar, creadas no marco desta sétima edición de "DepoEmprende na ESO”, ocuparon a Praza da Peregrina no mercado efémero e solidario no que puxeron á venda produtos elaborados ou comercializados por eles mesmos ao longo do curso.

Marmeladas ecolóxicas, mel, pastas, rosquillas, crema de cacahuete, chourizo ecolóxico, chocolates e chocolatinas, cafés, produtos de artesanía Avelaíña, aceite de oliva, bolígrafos, peites, pen drives, perfumes, xabóns naturais, galletas, bolsas, xoguetes ecolóxicos ou camisetas elaboradas con tecidos orgánicos, foron algúns dos produtos vendidos e cuxa parte dos beneficios irán parar a entidades protectoras de animais como as protectoras de Tui (Aloia) e do Morrazo, a Asociación de Axuda a Nenas e Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), a Asociación Participa para a Inclusión Social, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM), a Residencia Santelmo e tamén outros colectivos deportivos e sociais como o Gondomar C.F.