Un mes para presentar candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra

Pontevedra
06 de decembro 2022

 As persoas, asociacións, entidades ou colectivos interesados poderán presentar as súas propostas no Rexistro do Concello ata o 5 de xaneiro de 2023. As propostas deberán levar unha memoria xustificativa que explique os méritos do designado para optar aos galardóns

Pleno de entrega dos Premios Cidade de Pontevedra 2021
Pleno de entrega dos Premios Cidade de Pontevedra 2021 / Mónica Patxot

Volve unha nova edición dos premios Cidade de Pontevedra, que cada ano se conceden para galardoar o relevante labor desenvolto por persoas físias e xurídicas ao longo do último ano e a proxección de Pontevedra e dos seus habitantes derivada deste traballo.

Este luns 5 de decembro quedou aberto o prazo de presentación de candidaturas aos galardóns e poderán presentarse durante un mes, ata o 5 de xaneiro

As persoas, asociacións, entidades ou colectivos interesados poderán presentar as súas propostas no Rexistro do Concello para calquera unha das dúas modalidades dos premios: na modalidade individual poderá presentarse como candidatura unha persoa física e, na modalidade colectiva, a persoas xurídicas (asociacións, entidades ou colectivos de caracter cultural, social xuvenil, empresarial, etc..).

As propostas deberán levar unha memoria xustificativa que explique os méritos do designado para optar aos nomeados galardóns. 

Os galardóns serán entregados nun pleno extraordinario de honra que se desenvolverá o 20 de xaneiro, día de San Sebastián, patrón de Pontevedra.