Un milleiro de pasaxeiros xa reservaron billete para viaxar a Ons e Cíes en Semana Santa

Pontevedra
25 de marzo 2021

As navieiras recuperan nestas datas os roteiros ao arquipélago do parque nacional  Illas Atlánticas con saídas desde Bueu, Sanxenxo e Portonovo entre o 1 e o 4 de abril despois da suspensión da campaña do 2020 pola pandemia

Desembarco de pasaxeiros no peirao das illas Cíes
Desembarco de pasaxeiros no peirao das illas Cíes / Naviera Mar de Ons

O servizo de transporte marítimo de pasaxeiros ás illas do parque nacional regresa esta fin de semana por Semana Santa, que non se realizaba nestas datas festivas desde o 2019 polo estalido da pandemia. Os datos da central de reservas das Illas Atlánticas reflicten que ao redor dun milleiro de galegos xa solicitaron praza para visitar as illas Cíes ou Ons nestas datas.

"Despois de todo este tempo é unha satisfacción volver retomar as viaxes ao Parque Nacional. Estes espazos naturais convértense de novo no destino idóneo grazas á súa extensión, os seus espazos ao aire libre e as cotas limitadas", declarou a responsable comercial da navieira Mar de Ons.

Ademais de partir con destino ás Cíes desde os portos de Cangas, Vigo e Baiona, a navieira organizará tamén roteiros desde Sanxenxo e Portonovo entre o 1 e o 4 de abril con saída ás 11.15 e 11.30 horas respectivamente, para regresar ás 19 horas. O prezo dos billetes será de 27 euros para adultos e 12 euros para nenos.

Para viaxar a Ons, a navieira organiza tres viaxes diarios desde Bueu, Sanxenxo e Portonovo entre o 1 e o 4 de abril. As tarifas, máis económicas que as de Cíes, van desde os 16 euros para adultos e 8 euros para nenos. 

Un dos aspectos nos que a navieira fai máis fincapé é o da adopción de todas as medidas de seguridade e hixiene a bordo das embarcacións para garantir a saúde de viaxeiros e traballadores. Ademais, lembran que o uso da máscara é obrigatorio.