Un minuto de silencio dos avogados pontevedreses para lembrar a Fernando Romay

Pontevedra
03 de decembro 2016

A homenaxe dos seus compañeiros de profesión realizouse durante o acto de toma de posesión da nova Xunta de Goberno do Colexio Provincial de Avogados na sede colexial, no que estivo presente a presidenta do Consello Xeral da Avogacía Española, Vitoria Ortega Benito

Toma de posesión da nova Xunta de Goberno do Colexio de Avogados
Toma de posesión da nova Xunta de Goberno do Colexio de Avogados / Colegio Provincial de Abogados de Pontevedra

Os avogados pontevedreses gardaron este venres un minuto de silencio para lembrar a Fernando Romay Graña, letrado pontevedrés falecido xusto unha semana antes no seu domicilio da cidade.

A homenaxe dos seus compañeiros de profesión realizouse durante o acto de toma de posesión da nova Xunta de Goberno do Colexio Provincial de Avogados na sede colexial da avenida Raíña Vitoria, no que estivo presente a presidenta do Consello Xeral da Avogacía Española, Victoria Ortega Benito.

Victoria Ortega presidiu a mesa e inaugurou o emotivo acto co que Ramón Jáudenes López de Castro encara o seu segundo mandato como decano do Colexio. Este venres xuraron ou prometeron o cargo el e o resto de elixidos tras o último proceso electoral no órgano colexial: Juan Carlos Abeigón Vidal como deputado primeiro, Juan Ramón Piñeiro Bermúdez como deputado terceiro, Isabel Sueiro Torres como deputada cuarta; María Pilar Moledo Santiago como deputada sexta e Gema Rial Rodríguez como bibliotecaria-contadora. 

Ademais, o acto tamén serviu para impoñer a Medalla ao Mérito no Servizo da Avogacía ao letrado Juan Areses Trapote. O Pleno do Consello Xeral da Avogacía Española concedeulla a petición da Xunta de Goberno do Colexio polos seus innumerables méritos tanto a nivel profesional como persoal.