Axentes da Policía Nacional detiveron un mozo de 26 anos que foi sorprendido conducindo baixo os efectos das drogas por Marín. Ao mozo, segundo informou a comisaría de Marín, impútaselle un delito contra a saúde pública e dous delitos contra a seguridade viaria.
Os feitos sucederon onte domingo cando os axentes deron o alto ao coche no que viaxaba o mozo e este fixo caso omiso das indicacións.
Cando detivo a súa marcha, os policías comprobaron que o condutor incumpría as medidas de confinamento que establece o estado de alarma e que, ademais, non tiña o seu permiso de conducir en vigor. Ademais, foi sometido a un test para detectar drogas no que deu positivo.
Tras un cacheo superficial, no que se lle interviñeron varias doses de substancias estupefacientes, os axentes rexistraron o coche e acharon oculto no maleteiro, no interior do oco dunha das luces traseiras, un paquete que contiña un total de 66 doses de cocaína e heroína dispostas en pequenos paquetes para a súa venda.
O mozo, segundo a Policía Nacional, tamén foi proposto para unha sanción administrativa por incumprir as medidas de confinamento.