Un muro do novo Centro Social causa malestar entre os veciños de San Vicente de Cerponzóns

Pontevedra
19 de febreiro 2018

Reclaman a intervención da concelleira responsable desta parroquia, Pilar Comesaña, para evitar que o muro ocupe parte da calzada dificultando o tránsito nesa zona

Malestar veciñal en Cerponzóns pola instalación dun muro nas obras do Centro Social
Malestar veciñal en Cerponzóns pola instalación dun muro nas obras do Centro Social / PontevedraViva

Veciños do lugar de Meán, en Tilve, reclaman á concelleira delegada da parroquia de Cerponzóns, Pilar Comesaña, unha solución para o conflito que se orixinou coa construción dun muro de formigón na obra do Centro Social que ocupa parte da calzada.

Estes veciños residentes en San Vicente de Cerponzóns manifestaban durante os últimos días a súa oposición a este traballo ao entender que dificultará a circulación de vehículos nesta zona provocando graves problemas para que os camións de grandes dimensións poidan transitar por este espazo.

Desde a asociación O Chedeiro afirman que, desde a presentación do proxecto, opuxéronse a esta construción do muro de formigón. O seu rexeitamento non foi considerado pola maioría de veciños que agora viron nesta infraestrutura un problema para o lugar. 

Os veciños reclaman, en lugar deste muro, a construción dunha zona de aparcadoiro na zona.