Un novo aparcadoiro gratuíto xunto ao IES Torrente Ballester abrirá en 15 días

Pontevedra
11 de maio 2015

Os concelleiros Luis Bará e Carmen Fouces visitaron o espazo na rúa Urbano Lugrís, que contará cun pavimento de asfalto e terá cabida para arredor de 120 prazas de aparcadoiro

Visita de Luis Bará e Carmen Fouces ao novo aparcadoiro de Urbano Lugrís
Visita de Luis Bará e Carmen Fouces ao novo aparcadoiro de Urbano Lugrís / PontevedraViva

Pontevedra contará cun novo aparcadoiro gratuíto en superficie que se está a habilitar nunha parcela de 3.500 metros cadrados situada na rúa Urbano Lugrís, nas inmediacións ao IES Torrente Ballester. Durante a mañá deste luns 11, os concelleiros Luis Bará e Carmen Fouces visitaron este espazo que se espera entre en funcionamento antes de finais deste mes de maio.

Nesta parcela, segundo apuntou Luis Bará, poderanse crear entre 100 e 120 prazas de aparcadoiro que permite dotar a esta zona dun espazo para que os condutores poidan deixar o seu vehículo e evitar así que busquen estacionamentos no centro. Este espazo contará cun pavimento de asfaltado e os concelleiros mantiveron tamén unha conversación co director do Torrente Ballester para mellorar as condicións do peche do centro que limita con este aparcadoiro.

Bará indicou que se trata do terceiro espazo destas características que se crea neste mandato, tras o do Burgo, en Pasarón, e outro na avenida Juan Carlos I. Tamén, apuntou, estanse a habilitar máis zonas no sur e no leste da cidade para crear máis terreos de estacionamento como na zona de Mollabao, onde o goberno local espera que dúas parcelas pasen a converterse en municipais, ademais doutra na zona da Once en Campolongo e tamén na contorna dos xulgados da Parda.