Un obradoiro artístico xuvenil crea un novo mural reivindicativo en Eduardo Pondal

Pontevedra
26 de agosto 2022

A actividade inclúese no programa Ponteverán da concellería de Xuventude do Concello de Pontevedra. A obra leva por título 'Mural colectivo-feminista' e colaboraron na súa creación os artistas Javier Carrera e Maritza Berttolini. Este venres o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitaba os traballos

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores participou na creación do mural
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores participou na creación do mural / Concello de Pontevedra

Continúan as actividades creativas no muro de Eduardo Pondal onde xa figuran outras obras artísticas. Durante estes días, un grupo de artistas novos participan nun obradoiro artístico coa intención de elaborar un novo traballo que axude a transformar este espazo urbano e, ademais, dar visibilidade ás mulleres nos espazos públicos.

Desta forma, está a crearse o 'Mural colectivo-feminista', no que participan os artistas Javier Carrera, especializado en proxectos murais e mediador cultural en Espazo Arroelo, e Maritza Berttolini, cofundadora do club de bordado feminista e artista téxtil mexicana. Ambos intercambiaron experiencia coas persoas que participaron neste obradoiro e axudaron na preparación e deseño desta obra que ao longo dos próximos días quedará finalizada neste espazo situado nas proximidades da ponte da avenida de Vigo.

Durante este venres, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro responsable do departamento de Xuventude, Alberto Oubiña, visitaban a zona para falar cos participantes no obradoiro e animalos a seguir formándose en temas relacionados coa diversidade, o feminismo e a inclusión. A actividade inclúese nas actividades do programa Ponteverán.