Un 'observatorio' vixiará a situación económica de Pontevedra

Pontevedra
29 de abril 2014

Ao longo de tres horas de reunión o Conselo Económico e Social analizou as diferentes iniciativas que se poden tomar no ámbito local e acordou implementar un Plan de emprego municipal sempre e cando o permita a lexislación vixente

Consello Económico e Social de Pontevedra
Consello Económico e Social de Pontevedra

A preocupación pola situación ecónomica de Pontevedra foi o punto en común no que converxeron todos os axentes sociais que asistiron a reunión do Consello Económico e Social (CES).

Ao longo de tres horas de reunión este órgano consultivo analizou as diferentes iniciativas que se poden tomar no ámbito local, sempre tendo en conta a escasa marxe de manobra que deixa o marco legal, e acordaron iniciar a creación dun modesto observatorio que defina claramente a situación económica local dende o punto de vista do emprego, dos sectores productivos, entre outros.

Participarían deste observatorio tanto a Universidade, como sindicatos e o propio Concello.

Á cita do CES asistiron representantes de todas as entidades participantes agás a Cámara de Comercio que excusou a súa asistencia e a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, da que non se tivo noticia.

Outro dos acordos foi a implementación do Plan de emprego municipal sempre e cando o permita a lexislación vixente, xa que cada vez é máis restrictiva no tocante á competencia de emprego para as administracións locais (de feito, está totalmente anulada na nova Lei da administración local).

A implementación iría na liña da creación de becas remuneradas en empresas para mellorar a formación.

Tamén se tratou a posibilidade de crear unha comisión específica e de coordinación dos sectores económicos coa universidade para aproveitar as sinerxias.

Finalmente, emplazouse a todos os axentes do CES a manter unha nova reunión na primeira quincena do mes de xullo para ver a evolución e posta en marcha destas medidas.

Na reunión, ademais do informe socioeconómico achegado pola Alcaldía e por Comisións Obreiras, tamén se aportou un informe de 13 medidas creado por este sindicato; unha análise económica e empresarial do eixo Marín-Pontevedra-Poio proporcionado por Aempe; e un informe sobre 100 medidas para a creación de emprego en Galicia, facilitado pola CIG. Sobre todos eles, volverase a abundar na vindeira reunión.