As celebracións da noite de San Xoán deixaron un suceso amargo no Concello de Poio, onde un operario municipal do Concello sufriu queimaduras debido a un accidente relacionado coa sardiñada popular que se estaba a preparar na Seca.
O suceso tivo lugar "mentres estabamos a preparar todo para asar as sardiñas", explica o Concello de Poio.
O home foi atendido por unha ambulancia do 061, que o evacuou inicialmente ao Hospital de Montecelo.
Posteriormente foi derivado ao Hospital da Coruña para ser atendido na unidade especializada en persoas queimadas.
"Agora mesmo está en observación e estamos en permanente contacto coa súa familia para coñecer a súa evolución", confirma o alcalde, Ángel Moldes.