Un pacto coa Fiscalía salva de ir ao cárcere aos procesados pola 'Operación Abuelo'

Pontevedra
25 de febreiro 2014

Non houbo sorpresas e este martes todos os procesados pola Operación Abuelo ratificaron ante o tribunal da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra o acordo alcanzado coa Fiscalía que lles permitirá eludir o cárcere. Os sete acusados, dedicados profesionalmente á pesca, recoñeceron que adquirían, posuían e almacenaban diverso material explosivo coa finalidade de destinalo ao seu emprego na campaña da sardiña de xuño do 2010

Xuízo contra os acusados da operación Abuelo
Xuízo contra os acusados da operación Abuelo / Mónica Patxot

Non houbo sorpresas e este martes, todos os procesados pola Operación Abuelo ratificaron ante o tribunal da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra o acordo alcanzado coa Fiscalía que lles permitirá eludir o cárcere.

Os sete acusados, dedicados profesionalmente á pesca, recoñeceron que adquirían, posuían e almacenaban diverso material explosivo coa finalidade de destinalo ao seu emprego na campaña da sardiña de xuño do 2010.

Todos eles carecían de autorización, xa que é unha práctica ilegal, ao tempo que poñían en risco a seguridade pública.

Este recoñecemento dos feitos supuxo a rebaixa da petición de condena que formula o Ministerio Público que pasa dos cinco anos de prisión solicitados inicialmente aos dous anos.

Os procesados asumiron a pena, que no caso de seis deles (os armadores e patróns de barco) inclúe unha pena de dous anos de inhabilitación para o exercicio da pesca. Ningún chegará a ingresar en prisión.

Os procesados son o subministrador do explosivo, o xubilado de Arbo, José Manuel López Puga; o armador e o patrón do buque "Andreu III" de Vigo, Jorge Sobral Abreu e Jorge Sobral Cabaleiro; o armador e o patrón do "Nuevo Diego David" de Vigo, José Antonio Tizón Ferreira e Diego Tizón Veiga; un armador do Morrazo, José Manuel Graña e o mariñeiro do "Playa de Portonovo", Manuel Soto Freitas.

Tamén estaba acusado, José Jesús Deza Castro, o patrón do "Playa de Portonovo", pero faleceu recentemente.

A operación Abuelo, dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Cambados, culminou coa maior redada contra o uso indiscriminado de dinamita na pesca de sardiña, na que se incautaron 113 quilos de explosivo en Vigo e Portonovo.