Un paseo virtual pola historia da Alameda do Arquitecto Sesmero

Pontevedra
12 de xullo 2021

A Concellería de Desenvolvemento Sostible instalará dúas peañas interpretativas nas cabeceiras do parque. Enfocando nelas coa cámara do móbil transformaranse en maquetas 3D interactivas

Aplicación de realidade aumentada
Aplicación de realidade aumentada / Concello de Pontevedra

A evolución histórica da Alameda do Arquitecto Alejandro Sesmero será accesible a golpe de teléfono móbil para calquera persoa grazas a un proxecto piloto de carácter interactivo impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural en colaboración coa firma Xoia Software Development SL. 

Mediante unha app de realidade aumentada, convidarase aos cidadáns a desfrutar dunha experiencia que lles permitirá botar unha ollada ao pasado e coñecer, ver e interactuar coa historia dun dos parques máis senlleiros da cidade dun xeito inmersivo: unha tecnoloxía que, como se dun portal no tempo se tratara, é capaz de transformar o mundo real e de viaxar no tempo a través dunha peana interpretativa.

A iniciativa tivo un custe de 15.000 euros incluíndo peanas, aplicación e desenvolvemento das maquetas 3D.

Coa devandita aplicación móbil, denominada 'Camiñando pola historia: Alameda Arquitecto Sesmero', calquera pontevedrés ou visitante que se achegue ata as cabeceiras da Alameda poderá, enfocando as peanas coa cámara do teléfono, activar unha maqueta en 3D, interactiva e a escala, na que aparecerán as distintas etapas do parque e mesmo a súa historia previa, coas murallas e o convento de Santo Domingo aínda presente, mentres o propio Sesmero os mergullará nos momentos clave da mesma. 

Unha experiencia dispoñible en tres idiomas, e para persoas con diversidade sensorial, ao contar tamén con subtítulos.

Segundo sinala o edil socialista, "como ferramenta de xestión turística, esta aplicación e a realidade aumentada fai posible crear un produto innovador, interactivo e educativo, no que, en lugar de imaxinar, podemos ver e vivir a historia que queremos divulgar, mellorando e potenciando a experiencia dos visitantes ou dos propios cidadáns e escolares de Pontevedra". 

"Ademais, pode converterse nun instrumento moi útil para impulsar distintos puntos da cidade e redistribuír así o fluxo de visitantes, dando a coñecer lugares e recursos que até o de agora están a pasar máis desapercibidos. Non debe ser concibida pois unicamente como unha aplicación ou un roteiro, senón como unha nova forma de comunicarse, de interpretar a cultura, de vivir a cidade dunha maneira divertida, pedagóxica e innovadora", explica Puentes.

Tal e como apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, as dúas peanas interactivas serán instaladas respectivamente nas inmediacións das escaleiras de acceso próximas á avenida Raíña Vitoria e nos xardíns da Praza de España, ata onde o edil do PSOE se achegou acompañado do xefe do Servizo de Parques, Manolo Fontán, para analizar un posible punto exacto de colocación.