Un pequeno lume nunha chatarrería fai saltar as alarmas en Barro

Barro
07 de outubro 2014

O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 recibiu o aviso sobre as 8.20 horas porque saía unha importante nube de fume do interior dunha chaterrería situada ao pé da estrada N-550 no límite entre Pontevedra e Barro. Finalmente, todo quedou nun susto, pero nun primeiro momento levou a mobilizar un amplo operativo

Intervención de Protección Civil de Barro nun incendio nunha chatarrería na N-550
Intervención de Protección Civil de Barro nun incendio nunha chatarrería na N-550 / Diego Torrado

Un pequeno incendio no interior dunha chatarrería fixo saltar todas as alarma no termo municipal de Barro a primeira hora da mañá deste martes. Finalmente, todo quedou nun susto, pero nun primeiro momento levou a mobilizar un amplo operativo.

O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 recibiu o aviso sobre as 8.20 horas porque saía unha importante nube de fume do interior dunha chaterrería situada ao pé da estrada N-550 no límite entre Pontevedra e Barro.

Segundo informaron fontes do 112, tras a alerta mobilizouse a Garda Civil, Proteción Civil de Barro e os Bombeiros do Salnés, pero pouco despois se determinou que a gravidade do incidente non requiría tanto despregamento e os bombeiros non chegaron a desprazarse ao lugar.

Si que se trasladaron á zona efectivos de Protección Civil de Barro e unha motobomba municipal. Cando chegaron, seguía saíndo fume do interior das instalacións, pero comprobouse que a orixe era unha pequena queima que estaba a realizar un traballador.