Un pitbull con boceira e sen correa ataca outro can e a súa dona

Pontevedra
02 de xuño 2021

Ocorreu sobre as 20.30 horas na zona axardinada da rúa Alfredo García Hermida, nas inmediacións do mercado municipal de Pontevedra. A moza atacada ten 23 anos e é veciña da zona. O dono do animal de raza potencialmente perigosa tamén é veciño da zona e ten todos os papeis en regra 

Axente da Policía Local de Pontevedra Mónica Patxot

Un can de raza perigosa que levaba boceira, pero non estaba atado con correa, atacou na noite deste martes a outro can e tamén á dona que acudiu a separalos. Ocorreu sobre as 20.30 horas na zona axardinada da rúa Alfredo García Hermida, nas inmediacións do mercado municipal de Pontevedra. 

A vítima, unha moza veciña da zona de 23 anos, chamou á Policía Local e relatou o que ocorrera. Estaba a pasear ao seu can nesa zona axardinada cando se lle achegou un can de raza  pitbull e abalanzouse sobre a súa mascota. 

Segundo o relato da vítima, mordeulle no pescozo e a coxa e, cando ela acudiu para separalos, tamén a atacou. No seu caso, mordeuna no dedo polgar da man dereita. 

O can atacante levaba a boceira obrigatoria para os cans de raza potencialmente perigosa, pero estaba solto. Ademais, a boceira non impediu que mordese ao outro can e a nova. 

Segundo confirmou a Policía Local de Pontevedra, o dono do can está localizado e é tamén un veciño da zona. O animal está considerado de raza perigosa e, segundo fontes policiais, ten todos os papeis en regra

Coa declaración da vítima, a identificación do dono do can e todos os datos recollidos no lugar dos feitos, a Policía Local redactou un informe que remitiu á Policía Nacional. Agora a súa tramitación queda pendente de que a moza atacada presente denuncia na Comisaría. 

De momento, a última hora da mañá deste mércores non a formalizara, segundo confirmaron desde a Comisaría Provincial.