Un pleno de consenso: "Hai moitas cousas que nos unen para o ben dos veciños"

Pontevedra
17 de xuño 2024

O pleno da corporación, como estaba previsto, aprobou a modificación de crédito pola que o goberno municipal suma 10,32 millóns de euros máis ao orzamento para 2024. A proposta recibiu o respaldo do PSOE e o PP abstívose

Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal
Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal / Mónica Patxot

O pleno da corporación, como estaba previsto, aprobou a modificación de crédito pola que o goberno municipal suma 10,32 millóns de euros máis ao orzamento para 2024. A proposta recibiu o respaldo do PSOE e o PP abstívose.

O edil de Facenda, Raimundo González, agradeceu o "ánimo construtivo" que tiveron os grupos da oposición ao apoiar esta modificación, o que demostra, segundo engadiu, "que hai moitas cousas que nos unen para o ben dos veciños".

"Cando aparcamos as lexítimas diferenzas temos moito camiño por percorrer", sostivo González, que explicou que se trata dunha modificación de "carácter técnico", ao incluír proxectos "maduros", compromisos de gasto firme ou partidas para cumprir acordos plenarios.

Destacou que, para chegar a este consenso, o goberno municipal optou por "eliminar calquer vestixio de confrontación" e abrirse ás achegas de PP e PSOE, de forma que se incluíron asuntos solicitados polos socialistas e os compromisos solicitados polos populares.

Iván Puentes, portavoz do PSOE, confía en que este acordo para aprobar esta modificación de crédito "sente as bases" do que deberían ser as negociacións de "asuntos deste calado", de forma que se responda "á visión plural" dos veciños de Pontevedra.

O popular Rafa Domínguez, pola súa banda, recoñeceu que este expediente "no presenta temas complejos o en los que no podamos estar de acuerdo", aínda que asegurou que "no somos ingenuos" e que o BNG lles convidara a negociar "fruto de su debilidad".

En todo caso, apuntou que o PP ten "vocación de gobierno" e actúa "con responsabilidad, coherencia y tranquilidad" cando se lles convida a negociar "formal y sinceramente".

MÁIS CONSENSOS

Este espírito de consenso, máis aló de certas discrepancias nos debates, mantívose en gran parte da sesión plenaria deste luns, celebrada no Teatro Principal.

Así, a moción presentada polo PP para que se inicien os estudos previos para declarar o barrio da Moureira como ARI foi apoiada por unanimidade. "Es un barrio que necesita un empujón para salir de su estancamiento", subliñou o edil popular Iago Acuña.

O socialista Manuel Fariña coincidiu na necesidade de que se apuren os prazos "e se trate por igual a todos os barrios" e o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, avanzou que o estudo sobre a vivenda encargado polo Concello estudará a conveniencia de ampliar as ARI en Pontevedra ou estendelas a zonas como Monte Porreiro ou e A Moureira.

Tamén se aprobou, entre outras, unha iniciativa do BNG e do PSOE na que reclamaron condicións laborais "mínimas e dignas" para os avogados da quenda de oficio, "que están en condicións moi precarias, con remuneracións insignificantes e con dereitos laborais mínimos".