A Casa da Cultura de Seixo acolleu este domingo a entrega de premios do concurso 'A nosa vida sen persoal sanitario', organizado pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo co lema "o dereito das nenas e nenos a ter pediatra".
A plataforma, que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo e Marín, destaca que a Casa da Cultura de Seixo "ficou pequena" para acoller as nenas e nenos participantes, as familias e a veciñanza que acudiu ao acto.
As nenas e nenos premiados explicaron os seus traballos, "coa idea recorrente de que a falta dunha atención sanitaria axeitada provoca mortes" e, de fondo houbo unha reclamación unánime, o dereito das nenas e nenos a ter pediatra. "Hoxe en Marín, hai centos de menores que non o teñen. Iso leva a que se suspendan citas, a que non haxa controis de idade ou a que te deriven ás urxencias pediátricas do Hospital Provincial", denuncia a plataforma.
Os traballos expoñeranse no monumento á loita veciñal que se atopa na Praza de Abastos de Seixo para que todo o mundo poida ver os debuxos e "para que este berro das nenas e nenos en defensa da sanidade pública estea sempre presente".
Cada participante de 4 e 13 anos recibiu un diploma e unha camiseta da plataforma e repartíronse 13 premios de libros e material esscolar.
A organización deu as grazas ás veciñas e veciños que colaboran nas súas iniciativas desde hai case tres anos e tamén ás nenas e nenos que fixeron uns debuxos "cheos de creatividade e de mensaxes reivindicativas", ás persoas que integraron o xurado e aos comercios colaboradores.
MANIFESTACIÓN O 4 DE FEBREIRO
Neste acto tamén se fixeron moitas reservas de prazas para o autobús para a manifestación do vindeiro domingo 4 de febreiro en Santiago "pola sanidade que queremos e merecemos".
O prezo é de 5 euros para axudar a pagar os autobuses. Poderase reservar o autobús no 699 484 676 e en distintos establecementos: café bar Freixo en Marín, farmacia de Ardán, farmacia de Seixo, panadería do Cine en Seixo, librería Begoña en Seixo, ferretería La Comercial en Seixo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.