Un proxecto do IES Sánchez Cantón, seleccionado na fase final do concurso Ciencia en Acción

Pontevedra
05 de xullo 2024

Este proxecto, coordinado polo profesor Benito Búa, iniciábase no curso 2018-19 e consiste na xeración dun sextante para o seu uso escolar. O obxectivo é atopar un sistema que permita xerar un instrumento de medida de ángulos para ser empregado nas aulas. Durante o traballo, os estudantes elaboraron sextantes con resina de poliuretano e instrumentos históricos vencellados á navegación

Instituto Sánchez Cantón
Instituto Sánchez Cantón / Mónica Patxot

O proxecto que promove o profesor Benito Búa sobre a xeración de sextantes segue dando os seus froitos no IES Sánchez Cantón de Pontevedra.

Esta iniciativa foi seleccionada para participar na fase final do concurso Ciencia en Acción, un certame internacional dirixido a estudantes, profesorado, investigadores e divulgadores da comunidade científica da área xeográfica iberoamericana, que forma parte do Concurso Internacional Science on Stage.

O proxecto do instituto pontevedrés comezou no curso 2018-19. O obxectivo era atopar un sistema que permitise crear un instrumento de medida de ángulos para ser utilizado nas aulas.

Ese instrumento seleccionado foi un sextante.

Durante o proxecto levaron a cabo arquivos de impresión en formato 3D das pezas que conforman un sextante.

O alumnado tamén construíu estes elementos reproducindo pezas con resina de poliuretano e, ademais, crearon outros instrumentos históricos vinculados á navegación.

Ao mesmo tempo, estes sextantes foron empregados para realizar prácticas.

Ciencia en Acción celebra en outubro de 2024, en Avilés, a edición número 25 e é un concurso referente para o fomento da ciencia dunha forma motivadora e atractiva.