Un proxecto piloto buscará solucións ás inundacións do río Gallo en Cuntis

Umia
02 de marzo 2016

Natural Risk Solutions pon en marcha este proxecto que se iniciou en Barcelona para estudar os fenómenos de orixe natural e no que participarán cinco mozos estudantes

Desbordamento do río Gallo en Cuntis
Desbordamento do río Gallo en Cuntis / Veciñanza de Cuntis

O Concello de Cuntis participa nun proxecto piloto que realizará a proposta Natural Risk Solutions no que participarán cinco novos estudantes. Esta iniciativa iniciouse en Barcelona e estuda os fenómenos de orixe natural.

Este grupo de emprendedores busca solucións aos problemas de orixe natural e xeolóxica. Neste sentido estudarán as crecidas do río Gallo, que se inclúe no novo "Plan de Xestión de Riscos de Inundación", realizado por Augas de Galicia ao tratarse dunha zona de alto risco de inundación con plans e medidas específicas que se desenvolverán entre 2015 e 2021.

O Concello de Cuntis presentou alegacións a este plan porque as zonas de dominio público non son adecuadas, as medidas preventivas son de carácter xenérico, os mapas atópanse a unha resolución inadecuada e a planimetría non permite unha descrición ambiental adecuada.

Por este motivo, Natural Risk Solutions (NRS) vai recoller información e realizar unha análise previa, visitas de campo, dixitalización dos datos, análises do perigo de inundación e aproximación ao risco.

Este traballo servirá para realizar unha memoria que conteña toda a información xerada e que poida ser útil para o Concello e que poida servir de base para un futuro plan de emerxencia municipal ou un plan específico de inundacións.