Un raio provoca un incendio forestal na Illa de Ons

Pontevedra
17 de setembro 2020
Actualizado: 18 de setembro

As fortes tormentas que se están producindo esta tarde de xoves nas Rías Baixas preséntanse como a principal hipótese da orixe dun lume declarado ás 16.56 horas. Segundo as primeiras estimacións a superficie afectada é de 4 hectáreas de monte raso

Incendio forestal activo na Illa de Ons
Incendio forestal activo na Illa de Ons / @Incendiosgalic1

Un incendio forestal atópase activo na Illa de Ons, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. A consellería do Medio Rural recibiu un aviso ás 16.56 horas deste xoves 17 de setembro do avance dun lume en terreo forestal deste arquipélago.

Segundo as primeiras investigacións, apuntan desde Medio Rural que a orixe do incendio pode estar na caída dun raio como consecuencia das tormentas que se están producindo esta tarde nas Rías Baixas.

A Xunta ordenou xa a mobilización de dous axentes forestais e catro brigadas que viaxan nestes momentos cara á illa pertencente ao Concello de Bueu para valorar os danos e levar a cabo os labores de extinción.

O incendio afectou principalmente a zona de matogueira nunha das escarpadas ladeiras da illa, cunha primeira estimación que sitúa en 4 as hectáreas calcinadas, todas elas de monte raso.

Ás 00.12 horas da madrugada, o lume quedou estabilizado, segundo a información da Consellería de Medio Rural. A medición inicial de 4 hectáreas é provisional, segundo as mesmas fontes, ata que se parametrice a superficie final afectada. O servizo de extinción indicou que o lume quedou controlado ás 11.10 horas desta venres.

Mobilizáronse para a extinción 5 axentes, 13 brigadas, unha motobomba e un helicóptero.