Un reforzo metálico frea a caída do Trasgo Xerardo

Pontevedra
13 de xuño 2023

A concellería de Desenvolvemento Sostible tivo que realizar esta intervención nesta obra do escultor Santiago Castro, que se atopa nos Xardíns de Marescot, diante da Facultade de Belas Artes, debido ao deterioro que presentaba a base da estrutura

Estrutura metálica onde se apoia o Trasgo Gerardo
Estrutura metálica onde se apoia o Trasgo Gerardo / Concello de Pontevedra

O trasgo Gerardo ,situado nos Xardíns de Marescot, diante da Facultade de Belas Artes, corría perigo de esborrallarse pola deterioración que sufría a base desta instalación escultórica, obra do artista Santiago Castro.

Por este motivo, desde a concellería de Desenvolvemento Sostible decidíase instalar un reforzo metálico que garanta, no futuro, a estabilidade desta singular obra de catro metros de altura. 

Esta peza atópase sobre un toco de cedro, que presentaba danos e, segundo a concellería, esa situación provocaba a falta de firmeza do trasgo.

Esta obra foi inaugurada en maio de 2019 dentro das propostas do programa Ponteguapa, unha iniciativa do Concello de Pontevedra na que se buscaba ofrecer unha imaxe máis alegre da cidade.