Un reivindicativo Ravachol ponse en pé para unirse á "revolta feminista" do 8M

Pontevedra
04 de marzo 2019

O segredo mellor gardado do Entroido pontevedrés foi desvelado. Ravachol únese á loita feminista e, nesta ocasión, súmase en corpo e alma á mobilización do 8 de marzo reclamando unha sociedade máis igualitaria

Presentación do Loro Ravachol do Entroido 2019
Presentación do Loro Ravachol do Entroido 2019 / Mónica Patxot

O segredo mellor gardado do Entroido pontevedrés foi desvelado. Ravachol únese á loita feminista e, nesta ocasión, súmase en corpo e alma á mobilización do 8 de marzo reclamando unha sociedade máis igualitaria.

Ataviado cunha túnica morada e cun lazo violeta, que simboliza a loita pola igualdade e contra a violencia machista, o loro máis famoso de Galicia resístese a desaparecer da vida social da Boa Vila e mantén o seu espírito pícaro, burlón e irreverente.

Así, acompañado do cartel da campaña municipal do 8M -deseñado polo debuxante Luís Davila-, Ravachol mostra este ano a súa cara máis reivindicativa.

Mentres os integrantes da Asociación Recreativa de Xeve, como todos os anos, vestían as coloridas plumas dun espido Ravachol, María Simal explicaba o motivo do disfrace co que será incinerado o vindeiro sábado 9 de marzo.

Ravachol, segundo os seus acompañantes, vén sumarse ao rexeitamento de toda a sociedade contra a lacra da violencia machista, a reclamar o dereito de todas as mulleres a decidir sobre o seu corpo e a combater pola igualdade, pola conciliación laboral e pola desaparición das fronteiras entre homes e mulleres.

"Nin unha menos, querémonos vivas", é o berro ao que se suma noso querido Ravachol.

O loro chega, iso si, crítico pero tamén alegre por volver estar un ano máis rodeado dos seus, especialmente de todos aqueles que non quixeron perderse a súa chegada á cidade e que, como marca a tradición, desde as sete da tarde reuníronse na Praza da Peregrina.

Este personaxe que falecía un luns de Entroido, o 27 de xaneiro de 1913, presidirá ao longo da semana os principais actos destas festas de Entroido na cidade como as semifinais e a final do concurso de murgas no Pazo da Cultura, que se inicia este luns.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en