O secretario da comisión de desenvolvemento urbano do Senado de México, Fernando Cota Acuña, manterá o próximo martes 20 de xuño un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no marco da visita que realizará á Boa Vila.
O político mexicano coñecerá o modelo de cidade que a delegación de Pontevedra exporá no Senado mexicano a finais de agosto, coincidindo coa viaxe institucional e comercial que está a organizar para asistir á feira Expo-Pymes e participar nunha relatorio sobre o modelo de cidade no Instituto Tecnolóxico Autónomo de México (ITAM).
Foi o propio representante do Senado mexicano o que se puxo en contacto co Concello de Pontevedra, cando coñeceu a noticia de que a cidade do Lérez estaría en Cidade de México para participar na conferencia no ITAM.
Dende o Senado mexicano se quere coñecer o modelo de desenvolvemento urbano de Pontevedra, especialmente no tocante a creación dunha cidade con preferencia peonil, sustentada en pequenas e medianas empresas e poñendo no centro da súa actuación o medio ambiente urbano.
Fernando Cota, na comunicación previa, explica que Pontevedra pode ser un modelo a seguir para moitas cidades mexicanas que, nestes momentos, se atopan rehabilitando os seus centros históricos.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.