Un roteiro pola enseada de San Simón estrea a nova edición de 'Voando nas Rías Baixas'

Pontevedra
26 de xaneiro 2020

A primeira ruta da nova edición do programa Voando nas Rías Baixas levou este domingo a unhas vinte e cinco persoas a contemplar as aves acuáticas e mariñas que habitan a enseada de San Simón, espazo incluído na Rede Natura

Roteiro de 'Voando nas Rías Baixas' na enseada de San Simón
Roteiro de 'Voando nas Rías Baixas' na enseada de San Simón / Deputación de Pontevedra

A primeira ruta da nova edición do programa Voando nas Rías Baixas levou este domingo a unhas vinte e cinco persoas a contemplar as aves acuáticas e mariñas que habitan a enseada de San Simón, espazo incluído na Rede Natura.

Esta actividade, impulsada pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa ONG SEO-Birdlife, busca traballar pola promoción do turismo ornitolóxico, un recurso sostible e respectuoso co medio natural.

Durante esta primeira excursión, na que participaron as deputadas de Turismo e Medio Ambiente, Ana Laura Iglesias e Iria Lamas, as persoas participantes puideron observar, nesta paisaxe intermareal situada no máis profundo da ría de Vigo, a invernada e o paso migratorio de aves acuáticas e mariñas.

Ademais do pato asubiador, nesta zona destacan tamén as limícolas como o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e claro ou o pilro común; ardeiros como a garza real ou os corvos mariños; e paxariños como o vistoso martiño peixeiro.

Esta ruta, que foi de carácter gratuíto, contou con guías especialistas de SEO-Birdlife e con material óptico e didáctico de apoio.

Tras esta primeira ruta, Voando nas Rías Baixas continúa cunha segunda excursión o 16 de febreiro polo complexo intermareal Umia-O Grove. O prazo de inscrición para este novo roteiro estará aberto dende o 3 ao 12 de febreiro.