Un sistema informático axudará a evitar aglomeracións no Mercado de Abastos

Pontevedra
12 de abril 2021

 A concellería de Promoción Económica destina unha partida de máis de 7.000 euros á dotación desta tecnoloxía, que será instalada nos accesos ao Mercado de Abastos pola empresa Almas Industries.  O sistema contará o número de persoas que se atopa nas instalacións en tempo real

Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, nunha visita ao Mercado de Abastos
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, nunha visita ao Mercado de Abastos / Concello de Pontevedra

En breve prazo de tempo, o Mercado de Abastos contará cun sistema informático de control de capacidade, que permitirá contar o número de persoas con visualización en tempo real que se atopa dentro do edificio.

A concellería de Promoción Económica, que dirixe a concelleira Yoya Blanco, investirá máis de 7.000 euros para contratar esta tecnoloxía, que se instalará nas principais portas de acceso ao mercado. Este traballo será posto en marcha polo grupo especializado en seguridade corporativa Almas Industries.

Este sistema contará con gravación de vídeo en rede, disco duro e monitores de control. Segundo informan desde a concellería, estes monitores ofrecerán unha precisión do 95% e controlarán unha área de ata dous metros.

Yoya Blanco afirma que se trata dunha ferramenta punteira, que permitirá a usuarios e persoal que traballa no Mercado maior tranquilidade sanitaria á hora de realizar a actividade habitual na praza de abastos evitando aglomeracións que poidan provocar  contagios por coronavirus. Nestes momentos, as instalacións contan cunha capacidade máxima de 150 persoas por planta.