Un total de 19 firmas veñen de presentar ante a Deputación as súas ofertas para realizar as obras de mellora das dúas estradas provinciais de Campelo: a vía entre Portosanto e a praza da Granxa (EP-0601) e a rúa de baixada á lonxa dende a citada praza (EP-0602).
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que a intención é adxudicar os traballos a primeiros de 2019 para finalizalos dentro do mesmo exercicio.
Segundo apuntou o nacionalista, entre as empresas que optan a facer a reforma hai construtoras galegas, outras de primeiro orde estatal, e tamén unións temporais. Unha vez presentadas as súas propostas os servizos técnicos de Mobilidade e de Contratación avaliarán a documentación e farán unha proposta de adxudicación tendo, dende entón a concesionaria un mes de prazo para firmar o contrato e iniciar os traballos.
O obxectivo, dixo Benítez, é que Campelo goce en 2019 dun cambio total de imaxe grazas aos proxectos conveniados entre a Deputación provincial e o Concello.
Estes súmanse ás obras realizadas preto do porto -deseñadas tamén por persoal provincial e pagadas a través do Plan Concellos-, o que resulta un investimento global de preto de tres millóns de euros nas estradas provinciais da zona.