Un total de 203 traballadores do CHOP denuncian ante o Xulgado ao equipo directivo

Pontevedra
12 de xaneiro 2015

Un total de 203 traballadores sanitarios non facultativos do Complexo Hospitalario de Pontevedra asinan unha denuncia contra a dirección do CHOP, agora denominado Estrutura de Xestión Integrada Pontevedra, polos delitos de desobediencia, contra os dereitos dos traballadores, de estafa procesual e de falsificación de documento público

Fachada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra en Montecelo Mónica Patxot

Un total de 203 traballadores sanitarios non facultativos do Complexo Hospitalario de Pontevedra asinan unha denuncia contra a dirección do CHOP, agora denominado Estrutura de Xestión Integrada Pontevedra, polos delitos de desobediencia, contra os dereitos dos traballadores, de estafa procesual e de falsificación de documento público.

Concretamente o escrito presentado ante o xulgado de Pontevedra vai dirixido contra o xerente, José Manuel Gonzalez Álvarez; o director de Recursos Humanos, José Ignacio Lema Piñeiro; a subdirectora de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez; o director de Procesos asistenciais, José Antonio Ortigueira Espinosa; a directora de Procesos de enfermaría, Isabel Pérez García; as subdirectoras de Procesos asistenciais, Beatriz Cabanelas González, Dolores Otero Alarcón e Ana Maria Conde Penelas; a xefa de Servizo, Concepción Caramés Lopez e a supervisora, Mar Piñeiro Lores.

Esta nutrida representación do persoal sanitario que prestan servizo no Hospital Montecelo e no Provincial, sinalan que "se están a incumprir de xeito reiterado e consciente diversas sentenzas" que establecen non só o modo e xeito en que ten que fixarse a xornada máxima anual do devandito persoal senón tamén establecen o dereito dos traballadores a gozar dos días de libre elección (libre disposición ou LD) sen ter que recuperalos con posterioridade.

Na práctica o persoal que presta os seus servizos co réxime de quendas, se solicitan un día de libre disposición que coincida un día que non é de descanso, vense obrigados a recuperalo, co que na práctica, se lle está a denegar de forma inxustificada o dereito que as leis lle outorgan, obrigándoos a traballar máis horas das que lles corresponden, negándolles un dereito recoñecido.

Coa lei e as sentenzas da súa parte, os traballadores que agora denuncian "viron conculcado o seu dereito sistematicamente pola dirección" do EOXI Pontevedra, a cal, "obedecendo non se sabe a que intereses", non é que non puxese nada da súa parte para cumprir as sentenzas, se non que "sistematicamente se opuxo ao seu cumprimento".

Na denuncia recóllese que "por parte das persoas denunciadas ou a través de ordes súas", aos traballadores a quendas se lles obrigaba, ou ben a gozar os días de libre disposición cando tiñan descanso, ou ben a "recuperar" as horas gozadas nos días de libre disposición, deixando baleiro de contido o dereito a gozalos, provocando, ademais, un agravio comparativo cos traballadores que non realizaban a súa xornada a quendas, xa os que sufrían a turnicidade, traballaban en computo horario, máis xornadas que os que non tiñan quendas. Este é un feito que xa quedou acreditado en diversas sentenzas.

A pesar das sentenzas, o equipo directivo denunciado continuou actuando do mesmo xeito que viña facéndoo, "cunha falta de respecto á sentenza que mostra o seu total desprezo ás resolucións do poder xudicial". Para iso, a denuncia asegura que os denunciados incorreron nos delitos de de estafa procesual e de falsificación de documento público.

Ademais sinalan que o Sergas "nada fixo, unha vez máis, o que motiva a presentación da presente denuncia".