Un tren con 35 viaxeiros choca cunha árbore caída na vía en Barro e non deixa feridos

Barro
10 de novembro 2018

O incidente produciuse ao redor das 19.30 horas deste sábado a ao redor de medio quilómetro do apeadeiro de Portela. O convoi chocou contra unha árbore que estaba no medio da vía obstaculizando a circulación e sufriu danos de pouca consideración 

Choque dun tren contra unha árbore en Barro
Choque dun tren contra unha árbore en Barro / Diego Torrado

Un tren media distancia que facía o percorrido entre Vigo e A Coruña sufriu un pequeno accidente na tarde deste sábado cando circulaba polas inmediacións do apeadeiro de Portela, en Barro. O convoi chocou contra unha árbore que estaba no medio da vía e sufriu danos de pouca consideración, pero que impediron que continuase circulando.

O tren levaba no momento do accidente 35 pasaxeiros e dous membros da tripulación abordo e todos resultaron ilesos. En canto ao vehículo, sufriu pequenos danos nos cristais ao arroiar a árbore, que estaba no medio da vía e obstaculizaba a circulación. Romperon as fiestras de varias partes distintas do tren.

O incidente produciuse ao redor das 19.30 horas deste sábado a unha distancia de medio quilómetro do apeadeiro de Portela, entre esta localización e o lugar de San Amaro, en Barro, segundo a información difundida pola conta de Twitter InfoAdif.

O convoi tivo que esperar unhas dúas horas a que chegase outro de substitución para levar aos pasaxeiros ata o seu destino. En  canto ao resto dos trens, desviáronse polo Corredor do Atlántico.

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil, que se desprazou ata o lugar. Unha patrulla axudou ao persoal do ente ferroviario ao trasbordo dos viaxeiros desde este tren ata o novo que chegou ata Barro para que puidesen continuar a viaxe. 

Todo apunta a que a árbore caeu á vía por mor dos fortes ventos que azoutaron a zona durante toda a xornada. Durante toda a xornada rexistráronse numerosos incidentes  deivados da caída de árbores en toda a comarca debido á forza coa que azoutou o vento. Pola mañá, por exemplo, a Garda Civil tivo que retirar un tronco que caeu e obstaculizaba a circulación nunha estrada de Campo Lameiro.